16 abr 2024

HAIKUS E CIANOTIPIA

Para celebrar o 21 de marzo, Día da Poesía, na aula de 1ºA  aprenderon que son os Haikus, un tipo de poesía xaponesa que normalmente ten como temática a natureza e crearon un por parellas.

Dado que ese día tamén foi o Día das árbores, fixeron composicións con elementos naturais que atoparon polo patio sobre unha cianotipia.

A través desta técnica poideron ver como o sol pode “imprimir” en negativo os obxectos. Logo, tras un “baño” revelaron a súa cianotipia.

15 abr 2024

VISITA DE RAMÓN ROMERO

Hoxe, o alumnado de 1ºA tivo un encontro literario con Ramón Romero Nogueira, autor do libro “A abelliña que perdeu as ás”, que leron durante este segundo trimestre.

Ramón trasladounos o seu amor pola escritura xa dende ben cativo e animounos a escribir as nosas propias historias.

Tamén tiveron tempo para ler de novo o conto, pero deste vez dun xeito especial, porque nos amosou como podemos ler os versos de forma cantada.

Por último, rolda de preguntas e entregáronlle os debuxos que fixeron da súa personaxe favorita do libro.

Moitas grazas Ramón, encantounos a túa visita!!!

14 abr 2024

O VOLUNTARIADO CONTA

O voluntariado da biblioteca preparou dúas lecturas para contar ao alumnado de 5º Edº Infantil e 1º de Primaria.

Grazas polo voso traballo!!

Ainhoa e Aroa contaron “Todo sobre os gatos”, unha historia na que nos relatan que fan os gatos cando nos non miramos ou estamos fora de casa: patinan, len, escriben, cociñan…

Andrea, Rodrigo e Noa “Dez gatiñas viaxeiras” curiosas, intrépidas van coas súas mochilas percorrendo toda Galicia nunha divertida aventura ao longo da xeografía galega chea  de ritmo e moito que descubrir en cada páxina.

13 abr 2024

VIAXE AO CEREBRO HUMANO CON PAULA RIVAS

No mes do libro continuamos coas visitas de autores e autoras na nosa biblioteca. Nesta ocasión, o venres 12, contamos coa presenza da escritora e neurocientífica Paula Rivas que conversou co alumnado de 3ºA sobre “A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano”.

É un libro de contidos científicos para aprender gozando da lectura. Durante unha excursión a un instituto de investigación en neurociencia, a protagonista desta historia pérdese dos seus compañeiros e coñece uns ratiños científicos que lle explican como funcionan o cerebro e o sistema nervioso, e tamén que son as neuronas e como percibimos as cousas a través dos sentidos. Pouco a pouco, Antía vai descubrindo que detrás dos ratiños hai nomes de científicos famosos (Santiago Ramón y Cajal, Alois Alzheimer, James Parkinson e Margarita Salas) e vive unha experiencia extraordinaria.

Despois da presentación feita por parte dos nenos e nenas, Paula explicounos curiosidades sobre o seu traballo e tamén respostou ás preguntas que a cativada tiña preparadas sobre a lectura. Rematou asinando nos libros.

Grazas Paula pola túa visita!!!

12 abr 2024

PROGRAMA DE RADIO "SAÚDE E ARTES GALEGAS"

Xa está aquí un novo programa da Radio do Seis.

A clase de 3ºA preparou un programa para conmemorar o Día Mundial da Saúde e das Artes Galegas.

Desfrutadeo!!!


10 abr 2024

VISITA DE CARLOS LÓPEZ

O escritor Carlos López, máis coñecido como Chinto, tivo un encontro literario co alumnado de 4ºA para conversar sobre o seu libro “Mediometrópole e os superheroes”.

Comenzaron cunha pequena presentación a cargo dun alumno para introducir a vida e obra do autor que nos visita.

Carlos falounos das razóns polas cales decidira escribir e adicar moita parte da súa vida a construir grandes contos e diferentes textos para os cativos e cativas.

Ademais de falarnos do libro que lemos fixo un percorrido pola súa obra contando distintas anécdotas á hora de escribilas, así como a lectura de varias historias que encantaron ao alumnado.

Posteriormente o nenos e nenas fixéronlle preguntas e rematamos entregandolle os traballos elaborados na aula, un agasallo como recordo da súa visita ao centro e posterior sinatura dos libros.

Moitas grazas Carlos por compartir o teu tempo con nós!!!

9 abr 2024

BANDA DESEÑADA NOS CLUBS DE LECTURA

A banda deseñada en galego “Nerea. A invasión dos trastos”, de Pablo Prado e Miguel Rojo, foi a lectura nunha nova sesión dos Clubs de Lectura de 5º.

Tes mensaxes no móbil pendentes de ler? Algún capítulo da túa serie favorita sen ver? Pasaches esa fase tan difícil do videoxogo de Súper Cario?... Que tal se miras o que está a acontecer ao teu redor? A invasión dos trastos comezou! 

Comentamos aspectos como o exceso no uso das novas tecnoloxías e dos aparellos electrónicos e o enganche ás pantallas.

Destacamos a parte emocional e a relación interxeracional entre o avó e a súa neta nesta nova aventura de Nerea.

Un libro que gustou moito!!!

8 abr 2024

ENCONTRO LITERARIO CON MARÍA CANOSA

Hoxe tivemos a visita da escritora María Canosa que conversou co alumnado de 4ºB sobre o seu libro “Muriel. Caos no laboratorio lácteo”, que leron durante este segundo trimestre.

Despois da presentación por parte dun neno e dunha nena sobre a autora (vida, obra e premios) puidemos coñecer da man de María a súa traxectoria literaria e tamén nos transmitiu o seu amor polos libros e a importancia de falar e de escribir na nosa lingua.

Neste libro María cóntanos unha nova aventura de Muriel e do seu inseparable raposo Blim. A maxia e a ilusión envólveos por completo e involúcraos  nunha misión fermosa e entrañable que, ademais lles abrirá as portas da sospeita. Serán quen, os dous compañeiros de desentrañar o misterio que hai tempos os intriga? Non hai elección: sube ao carro de leiteiro e… boa viaxe!

Os cativos e cativas fixeron preguntas sobre a historia e explicáronlle como traballaron o seu libro e que actividade fixeron: un glosario co vocabulario do libro no que se recollen as palabras favoritas, a opinión persoal e outros finais distintos.

Fixemoslle entrega dun agasallo e rematou asinando nos libros.

Xa son moitos os cursos que María ven á nosa biblioteca polo que xa pertence a esta gran familia do Seis.

Moitas grazas María pola túa visita e polo teu agarimo!!!

6 abr 2024

ENCONTRO CON AUTORES E AUTORAS

Ao longo deste mes teremos o pracer de recibir na nosa biblioteca a visita de varios autores e autoras que compartirán momentos cos seus lectores e lectoras.

                      EN ABRIL...LECTURAS MIL!!!

5 abr 2024

CINE NA BIBLIO

No mes de marzo o Ciclo de Cine na Biblio centrouse na temática do Día da Muller.

O luns 18 de Marzo o alumnado de Edº Infantil e 1º Ciclo de Primaria puideron desfrutar de tres curtas:

-   “Un pequeno paso” de Bobby Pontillas sobre unha nena que soña con ser astronauta.

-  “Por sempre xamais” de Jordi García inspirada en Michéle Mouton, a primeira muller en gañar unha carreira do Campionato do Mundo de Rally.

-  Por último, proxectamos o vídeoconto de Gema Otero Gutiérrez e Juan Antonio Muñoz “Lalo, o príncipe rosa”.

O mércores 20 de marzo o alumnado de 2º e 3º Ciclo de Primaria, visionaron o documental de National Geographic “Mulleres”, sobre grandes profesionais que rompen os estereotipos tradicionais de xénero. Puideron escoitar e ver imaxes reais dos traballos de mulleres como a oceanógrafa gañadora do Príncipe de Asturias á Concordia, Sylvia Alice Earle ou a primatóloga e mensaxeira da Paz, Jane Goodall.